Val do Dubra. O Concello de Val do Dubra adhírese á campaña “De fronte á violencia de xénero” da Deputación Provincial da Coruña, con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Violencia de Xénero.

Dentro da programación da campaña lánzase o concurso “Desafío poético” que busca convertir a rima e as redes nun espazo de reivindicación fronte esta violencia. Todas as persoas que queiran participar deberán compartir en Facebook ou Twitter un post leendo, recitando, cantando ou amosando un texto poético. A dita publicación débese engadir os cancelos #DeFronte xunto ao que corresponda á categoría da idade: #DesafíoInfantil (para nenos e nenas de 3 a 12 anos); #DesafíoXuvenil (idades comprendidas entre os 13 e 19 anos) e #DesafíoAdultas (persoas maiores de 20 anos). Pódese participar nesta iniciativa ata o 26 de novembro. Finalmente, farase entrega dun premio por cada categoría que consistirá nun bono de 60 euros para gastar en calquera libraría da provincia da Coruña.