Noia. A parlamentaria socialista Noa Díaz presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que presente o plan director de saneamento da ría de Noia antes de que remate o ano. Díaz lembra que a conselleira de Infraestruturas anunciou o documento no mes de xullo de 2019, cando se daba un prazo de dez meses para o seu remate.

A deputada apunta que o documento “resulta fundamental para realizar unha exhaustiva radiografía das deficiencias do sistema de saneamento de Noia, para logo planificar as actuacións necesarias para optimizar o seu funcionamento e conseguir así unha mellora integral da calidade das augas desta ría”.

Engadiu que “a conselleira ten anunciado xa a adxudicación do contrato para a redacción do plan director por pouco máis de 200.000 euros, e no mes de xullo de 2019 xa daba por feitos os estudos previos de caudais e de diagnose inicial. Sen embargo, dezaseis meses despois nada sabemos dun documento que tiña un prazo de dez meses”.

Finalmente, sinalou que “a ría noiesa presenta uns índices de contaminación realmente preocupantes, con 22 concellos vertendo en ríos que desembocan nela”. s. s.